miércoles, 24 de abril de 2013

Deside, a pintura sen tempo

Na sala de exposicións do Café Moderno visitamos e coñecimos a obra do pintor galego Deside.






A súa obra é practicamente descoñecida en Galicia e, non obstante, trátase do máis auténtico informalismo que mestura poesía, equilibrio, esgazadura e alma.


Ramón Deside, Marín (Pontevedra) 1935


As obras de Deside son intemporais porque non falan dun momento concreto, senón da propia alma do artista, non son obras que se cingan a unha moda pasaxeira, senón que, máis ben, responden ao compromiso do seu autor coa arte.






Paisaxes e bodegóns dentro dunha estética complexa cunha influencia fundamental da abstracción. Deside é un artista autodidacta que residiu longo tempo en Cataluña, onde recibiu unha importante influencia de artistas non figurativos.





É un dos pintores máis puros do informalismo en cuxos cadros o brutal e o anxélico son inseparable. Pintura sen ningunha referencia ao concreto, de pura mancha ata elevacións e saíntes nos cadros. Pintura de berro e alegría. Reprimenda e lírica a un tempo. Son ideas feitas cor nas que todos os tons son posibles e nos que o negro adoita ser o dono e señor do resultado. Cultivador do que se chegou a chamar o expresionismo abstracto.